O MORRAZO AUTÓNOMO

COMUNIDADE DO MORRAZO AUTÓNOMO. COMUNIDADE VECIÑAL DOS BARRIOS RURAIS HISTÓRICOS DA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA. Formada polos barrios rurais históricos da parroquia de San Martiño de Moaña . Comunidade veciñal , para a difusión da cultura dos barrios , a defensa patrimonial e natural ,a divulgación da súa historia e o seu desenvolvemento e mantemento por parte das administracións públicas.

martes, 2 de xullo de 2019

NOVAS

O GOBERNO SUPRAMUNICIPAL DO MORRAZO AUTÓNOMO RECORDA A OBRIGA DE SOLICITAR PERMISO PARA AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN
* O prazo está aberto desde este 11 de Xuño ata o día 20 para solicitar a correspondente autorización
O Goberno Supramunicipal informa da obrigatoriedade de solicitar autorización para poder facer fogueiras na noite de San Xoán.
O prazo remata o vindeiro 20 de Xuño.
O encargado de presentar a solicitude, que ten que ser maior de idade, farase responsable da fogueira e deberá indicar a localización exacta da mesma. As solicitudes están a disposición dos veciños e veciñas desde este 11 de Xuño no Local Sociocultural de san Martiño e sen este permiso queda completamente prohibido facer lume.
O obxectivo que se pretende “é levar un control de todas e cada unha das fogueiras que van estar activas nesa noite de San Xoán, para que se fagan en base ás normas básicas de seguridade e convivencia; tendo en conta que no noso territorio é habitual contar con máis de 100 lumes activos nesa noite”.
Normas de seguridade
No caso das fogueiras, terán que facerse sempre a máis de 15 metros de distancia de vehículos, árbores, fachadas, edificios ou calquera construción e nunca debaixo de liñas eléctricas. Nunca se deberán utilizar sustancias inflamables para prender o lume nin tampouco se poden botar papeis ou tecidos con pouco peso, xa que o aire pode levantalos e facer que inicien un lume incontrolado noutro punto.
Tampouco se deben botar pneumáticos, plásticos e outros elementos altamente contaminantes. E por suposto, unha vez rematada a festa é moi importante asegurarse de que o lume está completamente apagado.
Especial mención merecen os saltos nas fogueiras, que deberán realizarse con extrema precaución utilizando calzado e vestimenta axeitada, e sempre valorar as posibilidades de saltar segundo o tamaño da fogueira, así como as condicións físicas e a idade do individuo.
Lembrar que a colaboración cidadá resulta fundamental e que para calquera emerxencia cómpre chamar ao 112.
#gobernopromorrazo
#omorrazoautonomo

Ningún comentario:

Publicar un comentario